O LNG Tanker "Flex Endeavour", arribou ao porto de Mugardos onte mércores 7 de xullo, para descargar en Reganosa. Actualmente o buque está navegando baixo bandeira de conveniencia de Malta. Un buque de grande porte, de 295 metros de eslora e 46 de manga, construído hai só catro anos, en 2018.
O "Flex Endeavour", procedente do Golfo de México, cargou o GNL en Port of Ingleside, que está situado no condado de San Patricio, Texas (United States - USA). O buque gaseiro que arribou á Ría de Ferrol, trouxo gas natural licuado (LNG) de Estados Unidos, extraído por medio da destrutiva técnica do fracking (fracturamento hidráulico).
A técnica de extracción coñecida como fracking, é moi daniña para a saúde e o medio ambiente, onde se libran grandes cantidades de metano á atmosfera, contribuíndo deste xeito ao cambio climático, e a contaminación das augas subterráneas e o subsolo. De feito no artigo 9 da Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética aprobada nas Cortes Xerais este 20 de maio de 2021, prevé expresamente a denegación de autorizacións de explotacións de hidrocarburos que empreguen a técnica fractura hidráulica de alto volume.
O "Flex Endeavour" descargou o GNL no despropósito gasista de Reganosa. Foron decenas de miles de toneladas de gas natural licuado, as que se descargaron para a perigosa regasificadora. Mentres se producía a descarga, perante 24 horas, aumentou de xeito exponencial, o xa de por si perigo que ten a Planta de Gas, instalada no corazón da nosa Ría. Un potencial perigo, para todas as miles de persoas que moramos na súa contorna.
O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, segue denunciando a unha planta de gas que non só pon en perigo as nosas vidas, contribúe ao deterioro da Ría e ao cambio climático, senón que foi construída ao amparo da corrupción económica e política. Foi construída e posta e funcionamento, sen avaliación ambiental e a sabendas de que, a súa localización, incumpría a lexislación medio ambiental en vigor. Confirmado por cinco sentenzas do Tribunal Supremo en contra do despropósito gasista de Reganosa. Agora co novo goberno se lle aprobou a avaliación ambiental, sen ter en conta a súa localización, alegando que xa é unha infraestrutura construída e en funcionamento. Reganosa segue operando sen os permisos de construción e autorización de funcionamento, despois de 18 anos de comezar a súa construción e a 14 de comezar a funcionar. Despois das cinco sentenzas do Tribunal Supremo que anulou os permisos e autorización, a regasaficadora tivo que volver a tramitar os mesmos.
Planta de gas fora da Ría !!
#GasNoneSolucion
✔ Gas: os excesos dun sistema que pagas na factura. Un especial dixital realizado por "Ballena Blanca".
✔ Gas e fracking. | Ecoloxistas en Acción.
Desde Ártabra 21 seguimos apoiando a loita do Comité Cidadán de Emerxencia.
O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL, TAMÉN NECESITA NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.

comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc
Foto: O "Flex Endeavour" descargando no peirao de Reganosa, na noite do 7 de xullo de 2021.
_______