O BOE publica hoxe 9 de xullo de 2021, a vergoñenta Resolución de 29 de xuño de 2021, da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, pola que se outorga a Reganosa, autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución das instalacións da planta de gas de Mugardos [1]. A resolución non causa sorpresa, si o causa, que saíra agora cando esta a punto de ditar-se a Sentenza que con toda probabilidade anulará a segunda autorización, unha casual sincronización entre a xudicatura e a administración.
O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, segue denunciando a unha planta de gas que non só pon en perigo as nosas vidas, contribúe ao deterioro da Ría e ao cambio climático, senón que foi construída ao amparo da corrupción económica e política. Foi construída e posta en funcionamento, sen avaliación ambiental e a sabendas de que, a súa localización, incumpría a lexislación medio ambiental en vigor. Confirmado por cinco sentenzas do Tribunal Supremo.
Consigue esta autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución, 17 anos despois de que se comezara a executar as obras de construción e 14 despois de que comezara a operar coa accidentada entrada do "LNG Galicia Spirit" en maio de 2007.
Reganosa foi construída de xeito fraudulento ao amparo dun acordo confidencial, asinado o 20 de xullo do ano 2000, baixo o paraugas do goberno Fraga, con empresas multinacionais da enerxía, o Grupo Tojeiro e Caixa Galicia, entidade financeira corrompida pola súa directiva, hoxe moitos dos seus membros condenados por sentenza firme.
O requisito de "adecuación urbanística", resolveron-no, o 20 de xuño de 2012, coa complicidade política e institucional do Concello de Mugardos e a Xunta de Galicia, adecuando, cinco anos despois da posta en funcionamento e case 10 desde que se iniciara a súa construción, o PAXOM aos intereses de Reganosa.
Todo o proceso administrativo de Reganosa estivo cheo de irregularidades, ás cinco sentenzas do Tribunal Supremo contra a planta de gas confirmaron-no, os promotores, o Grupo Tojeiro, sempre contaron co apoio institucional, político e mediático. Construíron a planta en Punta Promontoiro, beneficiando-se dun pelotazo urbanístico, e a sabendas de que non se podía nesa localización, pois non cumpría as condicións de seguridade e protección do medio ambiente, pois son imposíbeis de cumprir, pola localización da planta dentro da Ría a poucos metros de núcleos de poboación; á beira dun complexo pretroquímico que almacena máis de 300.000 m3 de líquidos tóxicos e inflamábeis, unha fábrica de colas e unha planta de coxeneración eléctrica que queima fueloi; a 800 metros da Casa do Concello de Mugardos; a pouco máis de 1.500 metros dunha base naval militar; a pouco máis de 1.000 metros da base de estacionamento das fragatas F-100, do Arsenal Militar e de Navantia; os buques gaseiros teñen que atravesar un sinuoso, estreito, pouco profundo, longo e de fondo rochoso canle de entrada da Ría o que en caso de emerxencia, o buque non pode saír polos seus propios medios como require a normativa de seguridade [2] e nun radio de 3.000 metros habitan 45.000 persoas.
Reganosa é a única instalación enerxética que necesitou ate por tres veces solicitar autorizacións para a súa execución e poder seguir en funcionamento. As primeiras [3] foran anuladas por dúas sentenzas do Tribunal Supremo [4]. Na actualidade o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, ten demandado ante o Tribunal Supremo, a Segunda Autorización da que non tardará en saír a sentenza. Esta segunda autorización [5] foi outorgada despois de que o goberno de Mariano Rajoy resolvera eximir a Reganosa de someter-se á avaliación ambiental, [6] resolución que foi anulada por unha Sentenza do Tribunal Supremo, [7] foi por iso polo que Reganosa tivo que volver a solicitar unha terceira "autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución" que agora lle foi concedida por esta resolución que foi publicada hoxe no BOE.
Notas.-
[1] Terceira e Actual Autorización: Resolución de 29 de xuño de 2021, da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, pola que se outorga a Regasificadora do Noroeste, SA, autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución das instalacións da planta de recepción, almacenamento e regasificación de GNL de Mugardos (A Coruña). | BOE» núm. 163, de 9 de xullo de 2021, páxinas 82408 a 82420 (13 páxinas) Departamento: Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. | Ir ao BOE.
[2] UNE EN ISO 28460:2011 - Industrias do petróleo e do gas natural. Instalacións e equipamento para gas natural licuado. Interfaz terra-navío e operacións portuarias - ISO 28460:2010.
[3] Primeira autorizacións e permiso: Resolución da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas pola que se outorga a "Regasificadora do Noroeste, Sociedade Anónima" (REGANOSA) autorización administrativa previa para a instalación dunha planta de recepción, almacenamento e regasificación de gas natural licuado en Mugardos (A Coruña). BOE núm. 176, de 24 de xullo de 2002, páxinas 6032 a 6033 (2 páxs.) Departamento: Ministerio de Economía. | Ir ao BOE. | Resolución da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, de 13 de febreiro de 2004, que aprobou o proxecto de execución das instalacións da planta de recepción, almacenamento e regasificación de GNL, no término municipal de Mugardos. | Con data 7 de novembro de 2007, estendeuse a acta de posta en servizo da planta pola Dirección do Área de Industria e Enerxía da Subdelegación do Goberno na Coruña.
[4] Sentenzas do Tribunal Supremo núm. 695/2016, de 28 de marzo de 2016, e núm. 889/2016, de 25 de abril de 2016. | Ir ás Sentenzas.
[5]Segunda Autorización: Resolución de 7 de xullo de 2016, da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, pola que se outorga a Reganosa, autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución das instalacións da planta de recepción, almacenamento e regasificación de gas natural licuado de Mugardos (A Coruña). BOE» núm. 165, de 9 de xullo de 2016, páxinas 48146 a 48158 (13 páxs.) | Departamento: Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo. | Ir ao BOE.
[6] Resolución do Consello de Ministros do 29 de Maio de 2016 polo que o Goberno en funcións de Mariano Rajoy, acordou excluír á planta de gas de Reganosa da tramitación ambiental, alegando carácter de urxencia para que seguira funcionando. | Ir á Resolución.
[7] Sentenza 1075/2019 do Tribunal Supremo. | Sala do do Contencioso Administrativo - Sección Quinta - 16.07.2019 | Recurso Ordinario 4825/2016. | A planta de gas de Reganosa aséntase nun cúmulo de ilegalidades, esta é a quinta sentencia do Supremo na súa contra. Agora, en sentenza inapelable que ven de anular a Resolución do Consello de Ministros do 29 de Maio de 2016 polo que o Goberno en funcións de Mariano Rajoy, acordou excluír á planta de gas de Reganosa da tramitación ambiental, alegando carácter de urxencia para que seguira funcionando, incorrendo en manifesta ilegalidade, logo de que o Supremo anulara en catro sentenzas firmes anteriores, as diferentes autorizacións outorgadas a Reganosa: modificación do Plan de Urbanismo, administrativa previa, autorización de construción e Plan de Emerxencia. | 13 páxinas formato pdf. | Recorría a Plataforma Veciñal da parroquia de Mehá. | Acceder/Baixar.
_______